Consellos para o furgoinverno

Chegou o frío pero somos furgoneteiros todo o ano, chova, vente, faga sol ou esté nevando por iso temos que ir ben preparados para o que poida vir.

2016-02-14 14.39.33

Xa se chegaron as primeiras neves e temos que ter en conta o seguinte para estar a gusto na furgo, sobre todo sabendo que se fai noite moi cedo.

  • Calefacción estática. A mellor inversión de cara ao inverno. Funciona co gasoil do depósito e a batería auxiliar consumindo un máixmo de dous litros nunha noite e ao redor de 15 amperios da batería en total. Ten un termostato que a acende e a apaga segundo precise ata acadar a temperatura que marcamos nel. O contra é o prezo.. sobre 700 euros sae a broma xa instalada. Agora ben, durmir en gallumbos vendo nevar pola fiestra non ten prezo. A nosa é marca eberspacher
  • Illantes térmicos para os cristais. Unha boa parte da calor vaise polas ventanillas e sobre todo polas que non dispoñen dun cristal doble tipo «climalit» por iso é importante illalos cuns bos térmicos de 7 ou 9 capas que impedirán que a nosa furgo se enfríe rapidamente. Igual de importante é ter a furgo xa illada con kaiflex ou similar para que entre o exterior e ti haxa máis ca unha chapa.
  • Sacos de durmir e mantas. Máis que obvio, se falla a calefacción sempre hai que ter un plan B.

2016-02-14 08.27.41

  • Funda de teito. Se temos teito elebable e decidimos abrilo temos que protexer a lona da neve ou choiva así que usaremos a funda exterior, é impermeable e transpirable, ademais fai que se perda moita menos calor ao tela posta. Nos utilizamos a funda thais

2016-11-19-11-22-58

  • Condensación. A solución máis sixela para que non ocorra é deixar de respirar, pero a todos nos gusta respirar así que non queda outra que a ventilación, tendo calefacción e cuns aireadores tipo airvent ou deixando a ventanilla un pouco aberta solucionamos a meirande parte do problema. Iso sí, aumentará o consumo da calefacción. Tamén está ben ter unhas toallas pequenas de fibra para secar todo de mañá porque xa sabemos, onde hai auga pode logo haber óxidos.
  • Á hora de dumir buscaremos un lugar protexido de vento ou ao lado doutras furgos. Non vaiamos a poñernos ao descuberto arriba do monte.
  • Levantar os limpias posto que se poden pegar á luna e baleirar os depósitos de auga ou tuberías para que non se conxelen xa que poden romper.

     

  • Cadeas. Importante levalas e igual de importante saber poñelas antes de saír. Tamén deberíamos levar unha pala por se a nevada é intensa pola noite.
  • Depósito cheo antes da viaxe. Nunca se sabe que podemos atopar. Da comida xa non vos dicimos nada que sabemos que ides cargadas 😉

2016-02-14 08.30.22

Con estes consellos  maloserá non disfrutar do inverno e disque este ven forte. Podedes compartir connosco os vosos consellos que seguro que queda algo atrás.

Non nos da chegado o momento de poder saír cara a montaña 🙂

Ata outra!!

Categorías: Accesorios | Deja un comentario

Outono en Balboa

Vai dúas findes decidimos facer escapada ata Balboa, no Bierzo, unha boa tirada saíndo o venres de tarde-noite pero que ben mereceu a pena. Alí celebrábase por segunda finde o «Magosto Celta» con festa, castañas e concertos nas pallozas. Primeiro de todo o noso mapa cos sitios de interese:

Chegamos xa coa noite despois de tres horas e pico de viaxe e durmimos no mesmo centro do pobo ao rematar os concertos. Todo un luxo disfrutalos quentiños nas pallozas, impresionante chegar e atoparnos con isto e iso que a foto non fai xustiza ningunha.

2016-11-06-02-36-23

Coa baixada de temperaturas tocou durmir coa calefacción posta a uns cómodos 20ºC -a mellor compra da miña vida- mentres que fóra estabamos a grao e medio. Ata se xeou a ponte de madeira e esvaraba que daba gusto!

2016-11-06-05-55-02

Á mañá despois dun chocolate quente movémonos uns metros ata unha explanada parking habilitada como Area AC cuns baños bastante rústicos e duchas pero que son para o uso no verán hehe

Alí tamén quedamos coa xente de petoscamper que nos entregaron uns bolsilleiros chulísimos a medida que tiñamos encargados, xa volos ensinaremos 😉

Coa luz do día fomos a explorar o pobo e arredores. Tiñades razón @s que nos recomendachedes polo facebook visitar a contorna. Hai diversas pallozas e lugares con encanto coma A Palloza de Chis – que sería o noso lugar de fin de festa ata os primeiros raios día seguinte- o Molino del Agüita, Cantejeira, A Palloza de Balboa etc. Tamén é de obrigada visita A Casa de las Gentes, un museo e centro cívico onde coñecer por exemplo a vida no lugar.

2016-11-05-16-57-25

As pallozas son as construccións tradicionais da zona, construídas con teito de palla. Por dentro están restauradas e convertidas en bares ou restaurantes onde pasar un día de choiva, neve ou frío xeador ao lado dunha lareira.

A choiva impediunos rematar de visitar a contorna pero queda para a seguinte vez, xa que de seguro voltaremos. En Balboa fanse diversos festivais ao longo do ano e nós somos carne de festa 🙂

2016-11-05-15-44-13

Marchamos xa coa caída das primeiras folerpas e tras despedirnos dos amigos que alí atopamos. Precisábamos un par de días máis.. coma sempre 😉

Ata outra Balboa!

Categorías: Viaxes | Etiquetas: , , , , , , , , , | Deja un comentario

17 Viaxeiros, 17 lugares

Estreamonos nun post colaborativo da man de viaxando en furgo -grazas!!- onde compartimos o noso lugar favorito. Nós xa temos uns cantos anotados para ir!

web

Clica aquí para velo 🙂

Categorías: Sin categoría | Deja un comentario

Videoresumo da viaxe deste verán

Este verán pasámolo moi ben! e mentres preparamos a crónica da viaxe aquí vos queda un videoresumo. Que o disfrutedes 🙂

Categorías: Viaxes | 2 comentarios

Semana Santa en A Coruña (II)

Como íamos comentando na publicación anterior, os nosos amigos decidiron marchar o domingo pero nós tendo a furgo e o luns festivo decidimos achegarnos ata Coruña a pasar unha noite

Chegamos no medio dun bo temporal -cicolxénese explosiva que lle chaman agora- pero iso non foi problema para saír a dar unha volta. Aparcamos ao pe da Torre de Hércules, o faro romano que fai famosa a cidade. Alí atopamos unha sinal escrita a man que advirte «Prohibido autocaravanas más de 24h», vemos tamén diversas autocaravanas e furgos. Un bo sitio para pasar a noite a pesar do vento. Ata ten varios wc químicos.

Tentamos entrar na torre pero está pechada por temporal, tocará agardar a mañá así que decidimos achegarnos a ver o mar bater nas pedras. Rochas que foron expectadoras do desastre do Aegean Sea, máis coñecido polo «Mar Egeo» o petroleiro que encallou e estourou no 92 causando unha grande desastre ecolóxica [video]

Aínda me lembro de cando era pequeno e podía ver os restos oxidados do barco emerxendo entre o bater do mar antes de que os retirasen anos máis tarde.

Abonda de vento. Voltamos á furgo a botarlle un ollo á area de autocaravanas da Coruña, a ver se ten mellor pinta para facer noite, pero preferimos o parking da torre. Quedámonos coa localización por se precisamos baleirar augas ou cargar depósito.

Proseguimos pois a ruta no medio da choiva e vento para dar unha voltiña polo centro, onde nos agardaba unhas cervexas artesás e unha visita polo casco vello. As fotos quedan para outra volta que xa era noite. Cea e retirada que mañá é outro día.

2016-03-27 22.08.27

O amencer facémolo tal e como decidiramos, no parking da Torre de Hércules onde almorzamos con vistas aos veciños que decidiron abrir o teito pese ao vento. Valentes! hehe

É a hora de visitar a Torre.

A Torre de Hércules ten o privilexio de ser o único faro de orixe romana en funcionamento no mundo.  Foi construída como faro de navegación a finais do século I, pasando a un uso militar na Idade Media e entrando en ruína ata a sua reconstrucción en 1788-1790. O 27 de xuño de 2009 foi proclamada Patrimonio da Humanidade.

Para entrar hai que pagar un par de euros que axudan ao seu mantemento, en datas sinaladas soe ser de balde. Durante os días de forte vento non poderemos subir ata balcón.. unha pena!

Trala visita, achégamonos á Domus, o museo adicado ao ser humano. Este ten unha entrada de 3€, merece a pena achegarse. Visita obrigada para as excursións escolares que disfrutan do famoso vídeo do parto que traumatizou xeracións, o mesmo video que vin cando era pequecho e que revivimos con esta visita. A pobre muller leva parindo vinte anos e ata ten páxina en facebook.

Non nos queda moito máis tempo, anotamos para outra visita o acuario da Coruña e a Casa das Ciencias, tamén de obrigada parada museística. Podemos acceder a todos cun bono de 12€ sen caducidade.

acuario

Ata aquí A Coruña por esta vez. Voltaremos pronto! 😀

 

Categorías: Viaxes | Etiquetas: , , , , , , , , , , , , | Deja un comentario

Semana Santa a Lugo e a Coruña (I)

De cidades foi a cousa nesta Semana Santa, tendo piso en Lugo onde nos acollan pois fomos con todos os colegas de ruta. Saímos dende Cangas na furgo e nun coche para atoparnos en Melide onde quedamos cunha amiga que nos ensinou o pobo. Moito ambiente nas terrazas! unha boa parada onde tomar algo e estirar os pes, ademáis pórtanse ben coas tapas 😉

Coas pilas cargadas seguimos a ruta. O primeiro coma sempre o mapa da aventura:

Decidimos que xa era hora de comer, as tapas fixéronnos ganas como non. Fixémolo na praia fluvial de Furelos. Un lugar moi tranquilo con mesas e árboreda donde se pode durmir se o precisamos.

2016-03-24 18.42.33

Co buche xa cheo seguimos para ver as torrentes do Mácara, unha camiñata rápida e sinxela que nos leva a un paraxe idílico, mellor ver as fotos que falan soas

A seguinte parada foi para visitar o Castelo de Pambre en Palas de Rei,  é unha das mellores mostras da arquitectura medieval militar que existe en Galicia, e das poucas que quedaron en pé trala revolta irmandiña, data do século XIV. Estanse rematando as obras de rehabilitación pero nun lateral podemos atopar unha porta aberta pola que accedemos para visitalo.

Visto o castelo seguimos estrada cara Lugo onde faremos noite.

2016-03-24 18.20.16

Lugo fundouse alá polo 25 A.C. coma un campamento romano nas proximidades dun castro, a cousa foi a máis e rematou por ser a cidade de Lucus Augusti, unha cidade que hoxe en día conserva todo o perímetro da súa muralla, declarada patrimonio da humanidade pola UNESCO.

A muralla pódese percorrer paseando ou en bici na súa totalidade, algo imprsecindible.

2016-03-24 20.07.24

E se imprescindible é o percorrido pola muralla e rúas, tamén o é ir de viños polos seus bares e tabernas que nos darán tapas con cada consumición -máis dunha se escollemos ben ;P- podendo xa marchar ceados para casa hehe

En Lugo tamén tedes unha area de autocaravanas de balde cos servicios de enchido e baleirado de augas a nada do centro camiñando, unha boa opción de ter que usala.

Nós como xa comentamos desta volta tiñamos un piso, ao que nos retiramos a descansar para emprender a ruta do día seguinte cara a montaña Lucense. Imos aos Os Ancares.

2016-03-25 15.53.32

Despois dunha horiña longa de conducción poñémonos no Piornedo, famoso polas súas pallozas propias do urbanismo de montaña. Estas pallozas podense visitar pagando un euro simbólico que axuda a mantelas, dentro podemos ver como era a vida na montaña Lucense ata hai non tanto.

 

E vistas as pallozas toca facer unha camiñata pola montaña a ver onde chegamos 🙂 dende a aldea podemos facer unha ruta ata o pico Mustallar de 1925m e alá fomos a ver ata onde chegamos.

O feito de non ter a roupa de neve -erro grande pola nosa parte- impídenos seguir e tras hora e media de camiñata toca dar volta todos enchoupados.. menos mal que nos agarda unha muda seca e un bo bocata de tortilla que preparamos antes de saír 😛

Voltamos xa cara Lugo onde pasaremos un día máis descubrindo a noite Lucenese e tras despedirnos dos amigos tomamos a estrada. Quedamos un día máis de viaxe para visitar A Coruña, pero iso xa é outra aventura.

Ver continuación (proximamente)

Categorías: Viaxes | Etiquetas: , , , , , , | Deja un comentario

Durmimos na neve. O Cebreiro

Sempre quixen durmir na neve, acostarme pola noite e espertar con todo branco pola mañá, algo ben difícil vivindo a pé de costa.. pero cunha furgo todo é posible 🙂

Vemos a previsión do tempo que anunciaba nevadas fortes na montaña lucense e neves espalladas por todo o País. Vennos á cabeza O Cebreiro, neve asegurada.

2016-02-12 10.42.58

Saímos pois en ruta no medio dunha forte temporal que deixou 200 litros por metro cadrado en dous días, a cousa promete. Conducimos con precaución ata chegar ao noso destino. Aquí o mapa da ruta:

Chegamos por fin ao Cebreiro metidos na noite, na mesma aldea hai un bo aparadoiro onde pernoctar, aparcamos e preparamos todo para a noite cunha ventada tremenda así que decidimos non abrir o teito.

Damos pois unha volta para ver as pallozas e cear decidimos tomar unha caña no Hotel Cebreiro, que non deixa de ser unha casiña rural de poucas habitacións con bar-tasca de toda a vida. Con cada caña caen unha ou dúas tapas boísimas 😛 e ben de prezo, xa ceamos alí unha ración de empanada.

Trala cea volvemos á nosa casa rodante para ver unhas pelis e durmir, mañá é outro día. Iso era o que pensabamos nós porque Isaac espertouse-e espertoume a min- ás tres e media para mexar e vaia alegría! estaba xa nevando. Tardei en durmir coa unha noite de Reis esperando o agasallo do día seguinte.

E por fin chegou o día. 9:30h. Isto podiamos ver polas ventanas dende a cama coa calefacción posta e 1 grao negativo fóra:

2016-02-14 08.30.222016-02-14 08.27.41

Desperezamonos e saímos a ver o manto branco, lembrade que se vai a haber xeo ou neve o recomendable é levantar os limpias para que non se peguen, tamén poden pegarse os freos de deixar o freo de man posto. Compre tamén baleirar os depósitos de agua e tuberías para que non se conxelen xa que poden reventar.

Vaia pasada como estaba todo!  e isto era só o principio, abrigámonos ben e marchamos a dar unha volta pola aldea. Como lucen as pallozas así 🙂 ver video

Tamén nos tiramos en trineo pero diso xa non temos fotos hehe xusto ó lado do aparcadoiro hai unha pendente perfecta para tirarse e rematar cheos de neve.

Conforme avanzaba a mañá O Cebreiro foise enchendo de coches e xente que subían a ver o espectáculo, decidimos emprender ruta sen saber se precisariamos poñer as cadeas. Seguimos a ruta cara Pedrafita do Cebreiro.

Non parou de nevar en todo o tempo, Pedrafita está a escasos dez minutos, chegamos, demos unha voltiña e mercamos unha riquísima empanada e un queixo do cebreiro tamén a moi bo prezo na tenda supermercado Chao, a comida estaba servida.

O problema viña agora para saír do aparcadoiro do concello, os coches saían pero un becho de 2.5 toneladas só derrapaba, tiramos da pala do decathlon para romper o xeo que bloqueaba as rodas e tras bastante palear neve e xeo demo saído para continuarmos camiño.

Aínda queda día e con pena imos alonxándonos da neve, vindeira parada Monforte.

2016-02-14 15.44.202016-02-14 17.53.28

En Monforte non paramos máis ca unha horiña pero collemos todo pechado e choiva, moita choiva, decidimos seguir cara Ourense para rematar cun bo baño nas Burgas -as termas do centro- e quitarnos o frío hehe esta terma é de balde e ben merece a pena visitala, podemos aparcar a escasos metros.

Faisenos tarde toca volta e a descansar. Ata outra!

Categorías: Viaxes | Etiquetas: , , , , , , , , , , | 2 comentarios

De termas a Bande e Lobios

Unha cousa que nos gusta facer con este tempo é facer algunha escapada e rematar de termas, que non se diga que camper e mal tempo non son compatibles!

Foramos de festival ata o Castañazo Rock en Chantada e á volta decidimos facer visita a amigos que estaban en Ourense e quedar para improvisar algunha rutiña termal. Coma sempre o mapa da aventura:

Comezamos indo ata o Embalse das Cunchas en Bande, un lugar que tiña pendente de visitar dende vai anos, dende pequeno tiña ido de campamento alí e gardaba un bo recordo.

Ten un albergue e un camping e podense alugar piraguas para atravesalo xa que no outro lado cando o embalse non está moi alto atopamos unhas termas romanas así como o campamento que estaba preto. Nós optamos por irnos directamente ata as termas, moi cambiadas dende a última vez, están en obras para facelas máis turísticas cun parking de balde cheo de furgos e autocaravanas xusto ó lado e novas termas en construcción.

Con varias termas de diversas temperaturas e cun ceo estrelado sen luz algunha que nos moleste é toda unha experiencia poder estar coa vía láctea encima nunha terma quente. Tedes que ir! -non esquezades a lanterna :P-

Tiñamos entendido que multaban á pernocta pero preguntamos á xente e parece ser que agora co novo parking xa non, antes era máis «salvaxe» e decidimos facer noite alí. Ceamos pizzas como non hehe

Nas imaxes podedes ver as dúas liñas de aparcamento e as termas sitúanse detrás das autocaravanas da esquerda. A imaxe é da mañá, recollemos e seguimos a ruta.

Tomamos estrada para visitar a igrexa visigoda de Santa Comba de Bande, do ano 610. Unha boa parada de camiño que está moi preto. No libro de firmas algúen protestaba porque «o tellado novo parece un chalé» e a verdade que un pouco sí..

Seguimos pois ruta termal cara a seguinte parada, buscando na rede resulta que hai outras termas de balde en Lobios, un destino asequible xa que logo poderíamos voltar polo país veciño 🙂

As termas están compostas dun balneario e dunha pisina que se atopa ó lado do río Caldo. Hai tamén unha AC moi preto e tedes toda a información aquí

Decidimos a meternos e facer o primeiro baño do día nelas pero axiña vemos como pasa a Garda Civil e non tarda en chegar unha ambulancia por unha moza que se atopaba mal, hai que ter en conta que non se debe estar moito tempo seguido na terma sen saír porque podes ter algún mareo ou baixón de tensión. Pasado o susto disfrutamos dun agradable baño e fomos a facer unha ruta que hai ó lado do río, aínda que non enteira. Gardamos parte para facela outro día coas bicis 😉

Xa apreta a fame e chove, así que a escapar e a facer de comer. Ao noso lado máis furgoneteiros cociñando que nos saúdan. Da gusto atopar a xente agradable.

2015-11-02 16.26.30

A nosa amiga Jara que viña connosco non coñecía Ponte da Lima en Portugal, así que decidimos voltar por alí cara Vigo. Un rodeo que merece a pena.

Famosa vila coñecida pola lenda do río Lima «do esquecemento» que os romanos na súa conquista non se atrevían a cruzar xa que pensaban que olvidarían todos os seus recordos ao meterse na súas augas. Preferían desobedecer a ter que cruzalo. Finalmente para convencelos Decius Junius Brutus que os comandaba cruzou e foinos chamando un a un polo seu nome para que vesen que conservaba a memoria.

Nós demos unha volta pola vila e compramos unhas ricas natas, pasetliños de compra obrigada en Portugal 😛

Xa coa noite encima temos que voltar que mañá é laborable. Ata outra ruta termal 🙂

Categorías: Viaxes | Etiquetas: , , , , , , , , , | Deja un comentario

Accesorios: O Forno portátil

Moit@s nos tedes preguntado polo forno portátil ó velo nas fotos. Ben, pois hoxe imos a falar del.

O forno en sí non ten ciencia ningunha, é unha caixa de metal que ven plegada e que cando despregamos convírtese no noso forno.

Como detalle ten un termómetro co que controlar a temperatura cando o poñemos sobre o lume. Alcanza rapidamente os 150ºC subindo se mantemos o lume.

IMG_9576

Nós usámolo básicamente para facer pizzas precociñadas e o tempo que lle leva telas a punto é aproximadamente o mesmo ca na casa. Hai que ter en conta que o forno quenta só por debaixo e por arriba por convección de aire co cal temos que baixar o lume cando academos uns 150ºC para non tostar de máis por abaixo, cada un ten que coller o punto que lle guste.

O único punto negativo que lle atopamos foi dunha vez que fixemos varias pizzas e con tanto tempo no lume e co peso pois deformouse a chapa de abaixo un pouco, habería que intentar que non descansase directamente sobre a cociña ou poñerlle un pasador de metal adicional. Nós metemos dúas pedras polo xeral e xa aguantan o peso.

Se queredes mercalo abonda con buscar pola rede «Coleman camp oven».

Ata outra!

Categorías: Accesorios | Etiquetas: , , , , , | 6 comentarios

Ímonos de ponte ata Porto

Este ano tivemos a sorte de poder facer ponte así que na casa non íamos a quedar. Temos Portugal a nada, bos prezos e un cambio de aires 🙂

O primeiro é o mapa da ruta que seguimos

Saímos o sábado de tarde e fixemos parada técnica na fornteira, en Tui. Alí tanto no OutletTui como nas gasolineiras da fronteira podemos encher o depósito moi por debaixo da media á que estamos acostumados na provincia de Pontevedra. Unha vez coa repostaxe feita tomamos a ponte internacional Tui-Valença

Autopista cara Braga, a nosa primeira parada -11€ de peaxe-. Chegamos xa metidos na noite coa hora menos Portuguesa. Voltiña nocturna pola cidade co alumeado do nadal.

Para a cea tocou probar a mítica francesinha que non deixa de ser un sandwich con carne rebozado en queixo e enchoupado nunha salsa que a min persoalmente non me entusiasmou demasiado, un pouco guarrada pero ben de prezo hehe.

2015-12-05 21.34.50

Xa se facía tarde así que fiándonos doutros furgoneteiros decidimos achegarnos a durmir a unha area recreativa moi preto do Santuario do Bom Jesús. Un lugar tranquilo cunha fonte e baños, que non vimos ata que marchamos.. A policía pasou ata en dúas ocasións pero sen problema algún. Aquí as fotos da mañá seguinte.

Ó día seguinte tras facer noite neste lugar tomamos ruta cara o Bom Jesús, non sei por que pero aos portugueses encántanlles os macrosantuarios nos cumios dos montes, merece a pena darse unha volta para ver os seus xardíns e construccións. Moi cheo de turistas, ata tiña un funicular hidráulico para subir ata o santuario.

Xa visto o Bom Jesús tomamos estrada cara Guimarães coa sorte de atopar polo camiño a Citania de Briteiros, unha das cidades castrexas máis características desta cultura na Penínusla Ibérica. Pasamos por caixa e con 3€ simbólicos entramos -tamén tes acceso ao museo- e temos que dicir que era realmente grande, cos seus baños, vivendas, barrios rúas etc.

Cansos de tanta subida e baixada seguimos cara Guimarães pois xa pasa a hora de comer e hai que coller forzas, aparcamos perto da Alameda Doutor Alfredo Pimenta, nun aparcadoiro que é de balde na fin de semana se mal non lembro. Decidimos mercar a comida no Pingo Doce, a nosa cadea de supermercados portuguesa favorita, alí podes mercar un polo asado «frango» en salsa picante ou de limón por 4€ que xunto cunhas patacas fritas, ensalada ou arroz da para comer ata fartar 🙂

Comemos e decolgamos as bicis, a mellor forma de ver a cidade. Como curiosidade podedes atopar uns totems multimedia con informacion das cidades do norte que che deixan sacar fotos e envialas por email.

Unha vila con bastante ambiente polas rúas que seguimos visitando ata chegar ata o Pazo dos Condes e o Castelo onde puidemos ver unha exposición de armas de asedio.

Visto Guimarães seguimos cara Porto onde chegamos xa metidos na noite na procura do albergue da juventude onde podía ser que nos deixaran ducharnos por un módico prezo, non foi así xa que non permitían só utilizar as duchas, ademáis na busca do albergue perdemos unha carteira con documentación.. desastre de día.

Decidimos que o mellor é retirarnos ata ao Parque de Campismo Municipal da Madalena xa que ao ser municipal soe ser barato, atópase pertiño de Porto. 12€ a noite para dúas persoas con caravana e con críticas de google do estilo

VERY old Glory. Water points all very dirty. After 3 days we left because off the strong smell of shit coming out of one of the toiletrooms. They where…

non podía defraudar! jajaja

Confirmamos o da vella gloria do camping, típico camping barato e desolado, no que durmir tranquilos e ter unha ducha quente mañá -tan quente que te queimabas nalgunhas duchas- e noite con servizos báiscos de carga e descarga de augas, unha conexión wifi non moi alá e setos separando parcelas que estaban máis no outro mundo que neste. No verán seguro que pinta mellor a cousa, a praia queda preto. Ceamos e vemos unha peli que tiñamos pendiente dende vai un tempo:

E a durmir, que mañá é outro día! outro día no que amencemos chovendo, no que non damos aparcado e non paramos de conducir por un inferno de adoquíns que nos lembra a isto. Non había nin sitio nos parkings nin na rúa e o centro estaba colapsado.

No mapa quédanvos zonas de posible aparcamento de balde para que non vos pase coma nos pasou a nós 😛 A clave é dirixirse cara a zona de pernocta, moi tranquila no outro lado da ponte, tamén marcada no mapa.

Con pasar a ponte xa nos atopamos no centro dunha cidade vertical, de feito temos un teleférico que por 16€ dúas persoas ida e volta nos leva ata as famosas bodegas e un funicular a 5€ que nos evita unha subida considerable.

Xa no centro podedes atopar toda a información turística neste enlace. Nós adicámonos a subir e baixar rúas e ver todo o centro no par de días que pasamos pola cidade, ata quedamos con amigos que estaban de paso para cear e dar unha volta.

A noite facémola neste lugar, xa que onde antes vos suxerimos estaba completo con coches e algunha furgo.

Moitos días fóra xa, toca voltar bordeando a costa cara Matosinhos, Vila do Conde, Esposende… Cadrounos tamén entrar nunha autopista con arco de peaxe electrónico que solucionamos entrando na primeira gasolinera e mercando unha tarxeta prepago de 10€ con validez dun ano, unha vez dada de alta por SMS descontanche todas as peaxes pendentes deses días.

E ata aquí a nosa viaxe por terras lusófonas.

Ata outra Portugal!

 

 

Categorías: Viaxes | Etiquetas: , , , , , , | 2 comentarios

Crea un blog o un sitio web gratuitos con WordPress.com.